Raimundo de Borgoña chegou desde máis aló dos Pireneos convencido de contribuír na loita contra a invasión musulmá. Casado con Urraca I, xuntos influíron notablemente no nomeamento do Bispo Diego Xelmírez, quen habería de ser, desde 1120, primeiro arcebispo de Santiago de Compostela.
Á súa morte en 1107, Xelmírez foi a recoller os seus restos para enterralos na catedral, nun lugar e sepultura orixinais aínda por determinar. En todo caso, este feito supuxo, conceptualmente, o principio do Panteón Real compostelán.
A súa actual estatua xacente está datada cara a 1215 e, á vista dos seus trazos imberbes, expúxose a posibilidade de que, en realidade, corresponda á figura do malogrado Infante Fernando Afonso, fillo primoxénito de Afonso IX, quen consta que tamén foi enterrado na catedral tras a súa morte en 1214.