Personaxe crave na historia de Galicia nos últimos anos do século XI e principios do século XII. Trátase da incorporación máis recente ao Panteón Real compostelán, pois aínda que foi enterrado na catedral tras a súa morte en 1126, non se sumou ao conxunto ata 800 anos despois, nun sepulcro encargado polo Cabido ao escultor Maximino Magariños.
Pedro Froilaz foi o titor de Alfonso Raimúndez, o futuro rei Afonso VII. A súa estatua xacente represéntao como un home de idade avanzada, vestido con armadura, casco e portando unha espada entre as súas mans.