¿QUÉN É QUÉN NO PANTEÓN REAL?
Programa educativo para adultos. Visitas temáticas para axudar a coñecer un pouco máis os personaxes que compoñen este espazo do Museo Catedralicio.
Dende a Fundación Catedral, ofrecemos un novo programa de visitas relacionado co Panteón Real, destinado ao público adulto. Neste percorrido temático, propoñemos un achegamento a reis, raíñas e nobles que se atopan soterrados na Capella dos Reis, combinando unha explicación no propio espazo cunha visita polo museo, co obxectivo de explorar as pezas da colección relacionadas coa temática a tratar.
A primeira parte da visita terá lugar no propio Panteón Real. Alí realizarase unha charla sobre as figuras que compoñen este espazo, facendo referencia as súas vidas, a súa relación coa catedral e ao análise dos seus sepulcros. Farase tamén referencia ao Retablo das Reliquias,que comparte espazo co Panteón Real na capela.
Posteriormente, procederase a complementar esta información coas pezas da colección do museo que están relacionadas, tanto con estes personaxes, coma con outros que pertencen a este mesmo contexto histórico, tales como o arcebispo Xelmirez, que resultou fundamental para a historia da construción da Catedral.
Analizaremos obras como a Fons Mirabilis, ou o Tombo A, entre outras, contribuíndo así a dar visibilidade ao Panteón Real e a contextualizalo utilizando diversas pezas do museo.