Dende o Museo da Catedral ofertamos esta actividade didáctica pensada para que rapaces e rapazas do último ciclo de primaria poidan coñecer o Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela, ubicado no espazo da Capela das Reliquias. O Panteón trasladouse no ano 1535 dende a súa anterior ubicación no brazo norte do transepto, onde hoxe encontramos a Capela de Santa Catalina.
Este espazo atópase nunha das moitas capelas que hai na Catedral, pero a diferenza doutras onde nos encontramos con imaxes de santos e virxes, nesta capela descansan personaxes da realeza galega. Este lugar alberga tamén o espazo adicado ás Reliquias, polo que na visita ademais dos sepulcros, os rapaces verán que hai varios obxectos de gran valor, onde hoxe gárdase o Tesouro da Catedral de Santiago.
A actividade pedagóxica, pensada para grupos de 25 alumnos como máximo, busca que coñezan algúns dos segredos que garda este lugar, preguntándonos que é un Panteón? Por qué están aquí estes ilustres personaxes? Quen foron?
Falaremos da importancia que tiveron estes na construción da Catedral, por que algúns deles quixeron ser soterrados aquí, e, cun sinxelo xogo de Quen e Quen?, traballaremos en grupo sobre as diferentes vestimentas e símbolos que representan aos distintos personaxes, para que os rapaces e rapazas se identifiquen con eles e recoñezan os símbolos que lles identifican como persoas da realeza e da igrexa.
A finalidade desta actividade é dar valor a espazos da Catedral pouco coñecidos, como é o Panteón Real, así como aos personaxes que foron fundamentais para a nosa historia e para a construción deste gran templo, que aínda que viviron hai moitos séculos, perduran no tempo.

Proxecto Educativo
File Size 3.03 MB
Downloads 16