MUSEO CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Panteón Real de Compostela

A ALIANZA DO REGNUM E O SACERDOTIUM PARA A CONFIGURACIÓN DUN TEMPLO NACIONAL

O apoio da monarquía foi fundamental para a consolidación do sepulcro apostólico e para a construción da catedral compostelá. Deste xeito, da colaboración estreita entre reis e prelados, xurdiron os principais proxectos relacionados coa catedral, desde a confirmación do achado da Tumba apostólica á construción das primeiras basílicas e, por fin, ás diferentes fases polas que pasou a catedral románica.
En 1168, Fernando II concedeu unha xenerosa pensión vitalicia a un enigmático Mestre Mateo pola dirección das obras da catedral. Mateo debía terminar a construción do templo, iniciado un século antes polo seu extremo oriental e, ao mesmo tempo, preparar o edificio para a solemne cerimonia de consagración, que tería lugar en 1211. Precisamente, nese momento, o rei Afonso IX (a quen en realidade corresponderíalle levar o VIII) dotou unha capela de carácter funerario, situada no extremo norte do transepto, na que se achaban os sepulcros dos seus antepasados, entre eles, o seu pai Fernando II e a súa avoa Berenguela

Aínda que ese momento supón a creación institucional da Capela dos Reis, como aparece citada na documentación da época, o proceso de configuración dun Panteón Real en Compostela, capital espiritual do reino galaico-leonés, viña dun tempo antes. En época do Arcebispo Xelmírez, a sede compostelá viviu un período de esplendor no que avanzou notablemente a construción da catedral e, ao mesmo tempo, consolidouse converténdose en Metropolitana. Santiago trocou en foco cultural e político e, niso, o papel desempeñado polo prelado tivo unha importancia fundamental.
Á súa morte en 1107, Xelmírez trouxo á catedral, entón en obras, os restos do seu amigo Raimundo de Borgoña, conde de Galicia xunto coa súa esposa, a futura raíña Urraca. Foi o primeiro enterramento Real na catedral. Máis adiante, Afonso VII mostrou en varias ocasións o seu desexo de descansar aquí xunto ao seu pai, aínda que finalmente foi enterrado en Toledo; pero antes, en 1149, si ordenou que se trouxesen á catedral os restos da súa esposa Berenguela. Por fin, á súa morte en 1188,

 cumpriuse o disposto por Fernando II e foi enterrado na catedral, creándose, de facto, o Panteón oficialmente configurado en 1211 polo seu fillo Afonso IX, quen
tamén habería de enterrarse na Capela tras a súa morte, mentres peregrinaba a Compostela, en 1230. Foi o final dos reinos de León e de Galicia, que acabaron unidos ao de Castela na figura de Fernando III e, tamén, dun período fundamental para a historia de Galicia e da súa catedral.
A Capela dos Reis permaneceu no seu sitio ata o seu traslado, en 1535, a unha nova localización no edificio claustral, onde un século despois tamén se creou a Capela das Reliquias, coa que os sepulcros reais comparten espazo desde entón. No proceso de traslado a esta localización e no tempo transcorrido desde entón, aconteceron diversas situacións que provocaron certa perda na memoria do Panteón Real e os personaxes que o ocupan, sobre os que se expuxeron algúns interrogantes

Contacta coa historia do Panteón Real